O alumnado achégase ao labor de intermediarios entre administracións e cidadanía dos xestores públicos

“Os xestores administrativos somos os intermediarios entre as administracións e as empresas, os autónomos e a cidadanía en cuestións ligadas a todos os aspectos do noso día a día”. Deste xeito presentaba o presidente do Consejo General de Colegios de Gestores Administrativos de España, Fernando J. Santiago, a profesión que este mércores centrou un seminario promovido pola Facultade de Dirección e Xestión Pública, coa colaboración do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, a empresa Siga e a delegación de estudantes. Enmarcado no convenio de colaboración que a Universidade de Vigo asinou o pasado ano co colexio autonómico, este seminario centrouse en primeiro termo en dar a coñecer o alumnado as características dunha profesión que require da superación dunhas probas de acceso para as que os graduados e graduadas en Dirección e Xestión Pública están habilitados desde 2015. Posteriormente, a actividade completouse cun taller sobre as aplicacións informáticas que empregan estes profesionais, impartido por persoal de Siga.

“A Universidade ten que conectarse co ámbito profesional cada vez máis e coñecer en que consiste a xestión administrativa é fundamental para un grao como Dirección e Xestión Pública”, salientou o decano comisario da futura facultade, Enrique Varela, na inauguración deste Seminario de empregabilidade DXP, na que estivo acompañado por Fernando Santiago, tamén presidente de Siga, e pola presidenta do colexio autonómico, Pilar Otero. “As administracións públicas non traballan soas, traballan intemediadas con outros axentes públicos, profesionais, con organizacións do terceiro sector….”, engadiu Varela, que subliñou que para ofrecer servizos á cidadanía e preciso aliarse e que, nese obxectivo, “os xestores administrativos son fundamentais”.

Ler a noticia completa no DUVI