O Consello Galego de Universidades informa favorablemente sobre a creación das facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública

Na sesión plenaria que celebrou este martes, o Consello Galego de Universidades informou favorablemente a proposta de creación das facultades de Deseño e de Dirección e Xestión Pública. A súa aprobación por parte do Consello da Xunta constitúe agora o seguinte paso no proceso de creación destes novos dous centros no campus de Pontevedra. No caso da Facultade de Deseño, esta acollerá tanto o futuro Grao en Deseño, que a Universidade de Vigo prevé comezar a impartir no curso 2022-2023, como o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. Na Facultade de Dirección e Xestión Pública pasarán a impartirse o Grao en Dirección e Xestión Pública e o mestrado virtual en Dirección Pública e Liderado Institucional.

Segundo informou a Xunta, na sesión plenaria presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avaliouse a proposta da UVigo para a creación destes novos centros universitarios, así como da futura Facultade de Relacións Internacionais de Ourense, que recibiron o apoio unánime do conxunto dos integrantes deste órgano. A reunión contou coa presenza dos reitores das universidades de Vigo, Manuel Reigosa; Santiago de Compostela, Antonio López; e A Coruña, Julio Abalde.

Ler a noticia completa no DUVI