Dirección e Xestión Pública inaugura o curso explorando o papel da intelixencia artificial no futuro das administracións

Poderá seguirse tanto de xeito presencial como virtual

2020-2030, una década crucial para renovar la administración pública é o título da conferencia que o catedrático da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona Carles Ramió impartirá este xoves no acto de apertura académica dos estudos de Dirección e Xestión Pública. “Ramió leva xa anos traballando en cuestións de prospectiva e é un dos maiores expertos sobre temas de administración pública, intelixencia artificial e robótica”, salienta Enrique Varela, decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Pública. “Quixemos recuperar, en clave de facultade, a organización dunha lección inaugural e outra de clausura”, engade Varela, que destaca o interese de centrar esta conferencia en “declinar en clave de administración” os cambios que en materia de xestión de procesos, de recursos humanos ou económica está a producir “todo o que ten que ver coa intelixencia artificial, a robótica ou simplemente co que antes chamabamos novas tecnoloxías”.

No marco do proceso de creación desta facultade, que agrupará o grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, avogouse, como explica Varela, por “recuperar” esas leccións inaugurais e finais, que servisen “para marcar eses tempos académicos e reunir toda a comunidade do grao, do máster, antigos alumnos”, entidades colaboradoras… Con ese obxectivo, organizaron no mes de xuño unha conferencia do secretario xeral do Centro Latinoamericano de Administración para el Desarrollo (CLAD), Francisco Javier Velázquez, que serviu para clausurar o curso 2020-2021. Esta iniciativa ten agora como continuidade o relatorio de Ramió, que contará coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa, e que se desenvolverá “nun formato híbrido”, como salienta Varela. Por unha banda, o alumnado poderá asistir á conferencia no salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, sendo precisa inscrición previa por cuestións de aforo, e a súa intervención poderá seguirse en directo, a partires das 17.00 horas, a través de UVigo TV.

Ler a noticia completa no DUVI