O alumnado de Dirección e Xestión Pública achégase ao día a día das institucións europeas

“Dise que a política doméstica é un 80% politiqueo e un 20% políticas públicas. A proporción na UE é ao revés”, sostén o analista, investigador e responsable de Política Europea da Convención Escocesa de Autoridades Locais (Cosla), Serafín Pazos, que este xoves participou nunha xornada virtual dirixida a achegar o alumnado de Dirección e Xestión Pública ao día a día nas institucións comunitarias. Coordinada polo profesor Celso Cancela, esta actividade abrangueu en primeiro termo a participación nun encontro virtual sobre oportunidades profesionais e formativas na UE da Fundación Galicia Europa, seguida dun relatorio no que Pazos Vidal incidiu no “consenso e a necesidade de atopar acordos entre actores moi diferentes” que implica o traballo diario nas institucións comunitarias.

A xornada Unión Europea = Oportunidades profesionais e formativas, que contou co patrocinio da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, buscaba complementar a formación do alumnado respecto das institucións e políticas comunitarias cun achegamento “en primeira persoa” ao traballo que se leva a cabo en Bruxelas, por parte dun experto, que foi durante unha década o coordinador do grupo de expertos en Cohesión Territorial do Consello de Municipios e Rexións de Europa e que “coñece as claves formais e informais sobre como traballar en Bruxelas”. A xornada levouse a cabo no espazo virtual no Campus Remoto da futura Facultade de Dirección e Xestión Pública, sendo a primeira actividade deste tipo que acolle, de xeito virtual, o futuro centro, como salientou na súa apertura o decano comisario, Enrique Varela.

Ler a noticia completa no DUVI