Representantes de sete universidades afondan no papel da virtualidade no ensino superior

Os efectos da covid-19 na docencia foi un dos temas de análise

Reunir unha serie de “actores con experiencia en proxectos e-learning” de diferentes universidades españolas para analizar diferentes experiencias de implantación de modalidades virtuais no ensino superior, así como para darlles a coñecer o traballo levado a cabo neste eido polo Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Publica e Liderado Institucional. Estes eran os dous obxectivos da primeira xornada Docencia virtual universitaria, que a Facultade de Dirección e Xestión Publica promove na tarde deste xoves a través de Campus Remoto e que reúne no seu programa as intervencións de docentes e representantes das universidades de Burgos, Oviedo, Zaragoza e Rey Juan Carlos, da UNED e da UOC, ademais da propia UVigo.

O reitor, Manuel Reigosa, e o decano comisario, Enrique Varela, foron os encargados de inaugurar esta xornada virtual que, a través de tres mesas de debate, afonda no traxectoria e labor de universidades públicas a distancia, nas experiencias na modalidade online de institucións presenciais e no caso concreto dos estudos virtuais xa implantados no eido xestión pública. Do mesmo xeito, a xornada tamén puxo o foco nos efectos que a covid-19 tivo no ensino universitario, ao que “as modalidades virtuais e semipresenciais chegaron para quedarse en tempos pospandemia”, sostivo Varela, para quen “parece seguro” que, tras a experiencia do Grao en Dirección e Xestión Pública, que o pasado curso se converteu no primeiro de Galicia en implantar unha modalidade virtual, “virán outras noutros campos do ensino superior”. Nesa mesma liña, tamén o reitor puxo de relevo que unha das aprendizaxes da pandemia “é que incluso as universidades claramente presenciais imos ter que facer uso destas ferramentas” que, como sinalou Reigosa, poden contribuír “a prestar un mellor servizo á cidadanía e a ter máis éxito na captación de alumnado”.

Ler a noticia completa no DUVI