Desenvolver unha ferramenta de apoio á toma de decisións na xestión sanitaria nun contexto como o provocado pola covid-19 é o obxectivo de Practicum Direct, un proxecto de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), do que forma parte o Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo. Xunto ao desenvolvemento dunha ferramenta de simulación, baseada en intelixencia artificial e estatística avanzada, o proxecto coordinado polo grupo de investigación do IISGS eHealth en áreas sanitarias integradas busca tamén coñecer como foi esa toma de decisións nas diferentes ondas da pandemia, a través dunha serie de entrevistas a directivos, xestores e persoal médico, tanto de atención primaria como hospitalaria.
“Estamos realizando entrevistas semiestruturadas para conseguir comprender como tomaron decisións no marco do inicio da pandemia”, salienta Enrique Varela, coordinador do Observatorio da Gobernanza G3 e decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Pública. Trátase dun traballo que iniciaron o pasado ano con responsables e persoal de diferentes centros de saúde e continúan neste 2022 pondo o foco no contexto hospitalario, co propósito de abordar, como sinala, dúas “dimensións complementarias pero que teñen racionalidades distintas”. Co foco nesta liña de traballo, os investigadores do observatorio mantiveron unha reunión de traballo cos coordinadores de Practicum Direct, o médico e responsable da Unidade de Calidade da Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés, Modesto Martínez, investigador principal, e o médico internista do Hospital Álvaro Cunqueiro Ismael Said. “Practicum Direct é un proxecto cunha perspectiva moi tecnolóxica, moi de xestión de datos masivos, pero grazas á colaboración da Universidade conseguiuse avanzar moito nun subproxecto que ten que ver coa aprendizaxe en canto á xestión de toma de decisións nun momento de máxima incerteza, como foi a primeira onda da covid-19”, sinala Said.