A Xunta pon en valor a aposta pioneira de Dirección e Xestión Pública por unha virtualización orientada a captar alumnado internacional

Como unha iniciativa “innovadora e pioneira en Galicia” valorou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, a aposta da Facultade de Dirección e Xestión Pública por un modelo híbrido, no que se combinan a ensinanza presencial e a virtual. Fíxoo na visita que realizou este martes ás instalacións desta facultade, á que se adscriben o Grao en Dirección e Xestión Pública, que se converteu en 2020 no primeiro do sistema universitario de Galicia en contar cunha modalidade totalmente virtual, e o máster online en Dirección Pública e Liderado Institucional. Nesa mesma liña pronunciouse tamén o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que destacou a modalidade virtual do grao como “un experimento pioneiro para a atracción do alumnado internacional”.

Xunto a Rodríguez e Reigosa, esta visita a unha facultade constituída o pasado ano e que comparte edificio coa Facultade de Comunicación, contou tamén coa participación da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa; o decano, Enrique Varela, e membros do equipo directivo e docente do novo centro, no que se imparten dúas titulacións previamente adscritas á antiga Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “O que vimos ver é unha experiencia innovadora no ámbito da docencia”, salientou Rodríguez ao inicio dunha visita dirixida a coñecer a experiencia dun grao que, desde o curso 2020/2021 sumou á súa modalidade presencial outra completamente virtual, co obxectivo de “darlle un pulo a nivel internacional”. Nesa idea incidiu tamén o reitor, que destacou que esta experiencia é “algo moi importante para Universidade”. En declaracións aos medios de comunicación, Reigosa abordou tamén a proposta de destinar a usos universitarios o edificio que actualmente acolle o Hospital Provincial. “Para nós sería fantástico contar con estas instalacións”, sinalou o reitor, que incidiu en que, aínda que “polo de agora non hai nada pechado”, esta posibilidade permitiría “seguir contribuíndo ao crecemento do campus”.

Ler a noticia completa no DUVI