O alumnado de Dirección e Xestión Pública define propostas para conectar Zona Monumental co público xuvenil

Pór en práctica diferentes metodoloxías de investigación social para coñecer o grao de coñecemento que ten a mocidade sobre o Centro Comercial Urbano Zona Monumental e achegar a esta asociación unha serie de propostas que lles axuden a chegar en maior medida a un público xuvenil. Esta é a base do proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) desenvolvido por un grupo de estudantes da Facultade de Dirección e Xestión Pública, que buscaba coñecer a percepción que tiña a mocidade do Centro Comercial Urbano. Coordinada pola profesora Sara Torres, esta iniciativa completouse coa elaboración dun informe que recollía unha serie de propostas e liñas de actuación, como o impulso de campañas en redes sociais orientadas a este colectivo.

Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa en aprendizaxe-servizo no marco da Axenda 2030 da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade, este proxecto foi levado a cabo por sete estudantes da materia Métodos cualitativos de investigación social, que esta semana presentaban as súas conclusións tanto os compañeiros da materia como aos responsables do Centro Comercial Urbano (CCU). Como explica Torres Outón, o propósito deste tipo de proxectos é que a adquisición por parte do alumnado de competencias relativas á materia, como sería neste caso a posta en práctica “de diferentes ferramentas e metodoloxías cualitativas”, se combine co servizo que se presta a unha determinada entidade ou colectivo. Neste caso, o de realizar unha análise que axude a Zona Monumental a chegar en maior medida á mocidade, como explica Outón, que lembra que esta iniciativa viuse precedida, o pasado curso, por outro proxecto de ApS que permitiu identificar tanto fortalezas como ámbitos de mellora no labor da asociación.

Ler a noticia completa no DUVI