O alumnado senta no escano para coñecer as institucións desde dentro  

Ir da teoría á práctica e coñecer desde dentro o funcionamento de institucións como o Parlamento de Galicia é o propósito central da actividade que este xoves levou a 22 estudantes do Grao en Dirección e Xestión Pública a tomar asento nos escanos da cámara autonómica, onde compartiron un coloquio cos deputados Pedro Puy, portavoz parlamentario do PP; Manuel Lourenzo, vicevoceiro do BNG, e Luis Álvarez, portavoz do PSdeG-PSOE. Na actividade que promove cada curso o profesor Álvaro Xosé López Mira participaron nesta ocasión os alumnos que cursan a materia Sistema político español na modalidade presencial do grao, xunto cunha alumna da modalidade virtual e varios estudantes sénior, que asisten tamén a esta materia no marco do ciclo integrado do Programa Universitario para Maiores.

Antes de coñecer máis do día a día na cámara da man dos representantes dos grupos parlamentarios e de percorrer as instalacións do Pazo do Hórreo, este grupo de estudantes visitou a sede da Valedora do Pobo. Alí, a letrada Beatriz González Moreno, profesora da UVigo, informoulles dos múltiples ámbitos de traballo dunha institución que centra o seu labor na defensa dos dereitos e liberdades da cidadanía, á vez que puxo o foco “no amplo abano de problemas aos que chega agora mesmo” esta institución, lembra López Mira dun encontro ao que se sumou tamén á adxunta á valedora, María Xosé Porteiro. A amabilidade e proximidade tanto das representantes da Valedora como dos deputados autonómicos foron unha das cuestións destacadas por estudantes como Brais Palacio, que recoñecía tras a visita que “estar no salón de plenos, impón”, á vez que destacaba o interesante de poder percorrer por dentro os diferentes espazos do Pazo do Hórreo.

Ler a noticia completa no DUVI