Os importantes efectos que provocou na economía a pandemia da covid-19 motivaron que a Unión Europea puxese en marcha en 2020 o que as propias institucións comunitarias definiron como “o maior paquete de estímulo xamais financiado en Europa”, os fondos Next Generation, que implican o investimento de preto de 800.000 millóns de euros para construír “unha Europa máis ecolóxica, máis dixital e máis resiliente”. A xestión destes fondos centrou este mércores a conferencia de apertura do curso académico na Facultade de Dirección e Xestión Pública, que tivo como protagonista ao catedrático da Universidad Complutense de Madrid Manuel Villoria, quen sinalou que “trátase dun proxecto verdadeiramente estratéxico” que no caso de España suporá unha inxección directa de case 200.000 millóns de euros, aos que se suma a posibilidade de solicitar préstamos por preto doutros 80.000 millóns. De aí que puxese o acento en que os fondos Next Generation poden contribuír “a transformar a nosa economía, xa que nunca recibiramos tantos fondos con carácter estratéxico”, ao tempo que advertía tamén de que “se os xestionamos mal, poden ser un fracaso terrible para o noso país”.
Presentada polo profesor Xosé Mahou, a conferencia que puido seguirse tanto de xeito presencial como virtual levaba por título Xestión íntegra e eficaz dos fondos Next Generation e tivo como responsable “a un dos máximos expoñentes do estudo da transparencia administrativa en España”. Autor, lembrou Mahou, de máis dun centenar de publicacións sobre ética administrativa, Villoria é tamén membro do consello de dirección de Transparencia Internacional España, ademais de docente do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional desta Facultade.