Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

Dirección e Xestión Pública reuniu integrantes das candidaturas ao Congreso e ao Senado
25/11/2026

A situación da vivenda e as políticas en materia de xuventude foron dous dos eixes centrais do debate electoral que este martes reuniu na Facultade de Dirección e Xestión Pública integrantes das candidaturas ao Congreso e ao Senado de PPdeG, PSdeG-PSOE, Fronte Ampla e BNG. Cinco días antes das eleccións xerais deste 29 de novembro, a facultade e a delegación de estudantes impulsaron un debate con representantes das formacións políticas consideradas representativas ou significativas no ámbito de Galicia, consonte aos criterios establecidos pola Xunta Electoral. Moderado polo profesor Celso Cancela, contou cun primeiro bloque dedicado a cuestións de política xeral e outro centrado en propostas orientadas á mocidade, en ámbitos como educación, empregabilidade, vivenda e igualdade.

Esta iniciativa contou coa participación de Pedro Puy (PPdeG), Manuel Pazos (PSdeG-PSOE), Paulo Carlos López (Fronte Ampla) e Marta Gómez (BNG), aos que o decano, Fernando Martínez, agradeceu a súa participación nunha actividade “que, coincidindo cun proceso electoral, cremos necesaria nunha facultade que se dedica a formar futuros traballadores do sector público”. Martínez lembrou os máis de 25 anos de traxectoria dos estudos de Dirección e Xestión Pública na UVigo e subliñou que o obxectivo desta actividade era contribuír a “achegar a Universidade e a facultade á sociedade”, agradecendo a “elevada asistencia” do alumnado do grao e do Programa Universitario de Maiores.  

Dous bloques de intervención e un “minuto de ouro”

Director do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da UVigo, Celso Cancela exerceu como moderador dun debate no que cada participante dispuña de cinco minutos para as súas intervencións en cada un dos bloques, para logo dar paso ás preguntas do público, completándose a actividade cun “minuto de ouro” por parte da candidata e dos candidatos. Como explicou Cancela, a orde de intervencións correspondía aos resultados acadados na provincia nas anteriores eleccións xerais polos catro partidos e coalicións, ordenados “de menor a maior representación”.

Centrado en cuestións de política xeral, o primeiro bloque abriuse coa intervención de Marta Gómez, candidata ao Senado do BNG, quen puxo de relevo a importancia dos servizos públicos e avogou pola transferencia ao Goberno galego “de todas as competencias en materia de educación”. Candidato ao Senado da Fronte Ampla, Paulo Carlos López reivindicou medidas adoptadas polo actual Goberno, como “unha reforma laboral que trouxo máis estabilidade que nunca e que fixemos desde Sumar”. Integrante da candidatura ao Congreso do PSdeG-PSOE, Manuel Pazos salientou actuacións como “a subida do salario medio” e o aumento da contía das bolsas para soster que esta lexislatura deixou “unha España totalmente mellorada”. Pola súa banda, Pedro Puy, candidato ao Congreso polo PPdeG, sostivo que “a lexislatura foi fallida en varios aspectos”, sinalando as dificultades do actual executivo “para poder aprobar leis” e que os orzamentos xerais do Estado estean prorrogados desde 2024.

Xuventude e vivenda

Dedicado a abordar propostas de políticas orientadas á mocidade, o emprego e, principalmente, a vivenda centraron o segundo bloque do debate. Este abriuse tamén coa intervención da representante do BNG, quen apostou por “topar o prezo da vivenda”, pola construción de vivenda pública e por transferir a Galicia “os activos da Sareb, para poñelos en réxime de alugueiro público”, así como por “ampliar frecuencias e mellorar a rede ferroviaria”. O candidato da Fronte Ampla, pola súa banda, apostou por medidas como a prórroga dos alugueres ou “topar a 400 euros” o prezo das residencias universitarias privadas e concertadas, ao tempo que denunciou que “a Xunta opúxose” ás declaracións de zonas tensionadas, “que podían facer que baixaran os alugueres”. 

Tamén en materia de vivenda, o representante do PSdeG-PSOE defendeu que este “non é un problema” que poida resolverse “se aumenta a construción”, senón “un problema de accesibilidade”, avogando por facer da vivenda “un ben que ten que estar suficientemente penalizado fiscalmente para que non sexa un ben de consumo especulativo”. Pechou este bloque o candidato do PPdeG, quen sinalou que “o Banco de España leva anos sinalando que hai un déficit de vivendas” e apostou por “axilizar a construción”, por “dar garantías aos propietarios para que poidan sacar os pisos en aluguer de forma segura” e por medidas como “axudas á compra de vivenda” por parte da xente nova.

 

Ler a nova completa no DUVI