O grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3 puxo en marcha un laboratorio de podcast, que permite achegar o alumnado da Facultade de Dirección e Xestión Pública ás súas liñas de traballo, a través dunha serie de programas que centrados en temáticas como as políticas públicas medioambientais, a Unión Europea, a dirección pública desde unha perspectiva de xénero e as experiencias profesionais de titulados e tituladas. Esta iniciativa foi presentada este mércores ao alumnado, nun encontro que buscou tamén achegarlles as guías de uso ético da intelixencia artificial elaboradas por estudantado e que serviu tamén para anunciar que a facultade acollerá o vindeiro martes 24 un debate electoral, no que intervirán representantes de PPdeG, PSdeG-PSOE, BNG e Fronte Ampla.
Esta presentación contou coas intervencións do decano da facultade, Fernando Martínez, e dos coordinadores do Observatorio da Gobernanza G3, Enrique Varela e Xosé Mahou, e tivo como obxectivo achegar ao alumnado “unha serie de recursos que puxemos en marcha na facultade”, sinalou Varela. Un deles, explicou, son os diferentes programas xurdidos no laboratorio de podcast impulsado por este grupo e que permiten “comunicar dun xeito diferente as nosas liñas de traballo e de investigación”. Ao mesmo tempo, engadiu Martínez, esta iniciativa busca tamén achegar estas cuestións ao propio alumnado da facultade. “Consumides información doutro xeito e nós temos que adaptarnos a iso”, salientou.
Como relatou Varela, deste laboratorio de podcast foron xurdindo “varios produtos”, da man de diferentes investigadores e docentes, como Señora Rewilding, un podcast coordinado por Óscar Briones e centrado en iniciativas ecolóxicas e en políticas públicas medioambientais. Impulsado polo propio Varela, o programa Voces Alumni DXP afonda nas traxectorias profesionais de antigos estudantes da facultade. Por outra banda, Ánxela Fernández busca promover unha reflexión respecto dos retos da dirección e xestión pública desde unha perspectiva de xénero, a través das experiencias e traxectorias de directivas públicas, no espazo Unha habitación propia, que abriu cunha entrevista á directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Xunta de Galicia, Zeltia Lado. Finalmente, Celso Cancela coordina Europa Digital, un ciclo de conversas sobre política, administración pública e transformación dixital impulsado no marco das iniciativas da rede europea ENDE (European Network on Digitalization and E-Governace).
O uso ético da IA, desde a perspectiva do alumnado
Este acto permitiu tamén presentar ao alumnado as guías sobre o uso ético da intelixencia artificial no ámbito académico e no político-institucional, desenvolvidas o pasado curso por estudantes de catro materias da modalidade virtual do grao, no marco dun proxecto de innovación educativa coordinado por Mahou. Como salientou este docente e investigador, estes materiais foron “elaborados por e para o estudantado”, de tal xeito que abordan os desafíos e oportunidades dunhas ferramentas que o alumnado debe “saber usar de forma ética” desde a “perspectiva do propio alumnado”. Neste punto, o docente lembroulles a importancia de usar a IA “como instrumento”, mais que esta “non substitúa á análise nin ao relato”.
Debate electoral
Ademais de pór en valor a colaboración entre a facultade e o grupo de investigació, o decano anunciou neste acto que Dirección e Xestión Pública promoverá o vindeiro martes 24 un debate electoral no que participarán representantes das formacións políticas “consideradas representativas ou significativas no ámbito de Galicia consonte os criterios establecidos pola Xunta Electoral”. Nomeadamente, este debate contará coa presenza de candidatas ou candidatos do PPdeG, PSdeG, BNG e Fronte Ampla e desenvolverase a partir das 11.00 horas no salón de graos do edificio que comparten Dirección e Xestión Pública e Comunicación. Moderado por Celso Cancela, director do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da UVigo, o debate contará cun primeiro bloque de política xeral e un segundo centrado en cuestións de “especial incidencia na xuventude”, como a educación, a empregabilidade ou a vivenda, así como na igualdade.