Dous anos despois de ser nomeado decano comisario co propósito de coordinar os traballos para a creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, o profesor da Área de Ciencia Política e da Administración Enrique Varela foi elixido este luns como primeiro decano deste novo centro do campus pontevedrés. Con once votos a favor e un en branco, a Xunta de Facultade deu nesta xornada o seu apoio á candidatura encabezada por Varela e que completan os profesores Xosé Mahou, como vicedecano de Virtualización e Innovación Educativa; Soraya Rodríguez, como vicedecana de Orzamentos, Mobilidade Internacional e Calidade, e Óscar Briones, como secretario académico. Coordinador do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3, Varela destacou tras a votación a “consolidación dun modelo híbrido”, que combina o ensino presencial e o virtual, e a internacionalización da modalidade virtual do grao como principais retos do traballo deste equipo durante os próximos tres anos.
Previamente, Varela trasladou o seu “máximo agradecemento” aos e ás integrantes da Xunta de Facultade polo apoio acadado nunha votación que se levou a cabo tanto de xeito presencial como virtual, co soporte da Área de Calidade da UVigo, o que fixo posible a participación na votación do alumnado da modalidade virtual do grao que forma parte deste órgano. Deste xeito, completábase o proceso electoral aberto a finais de outubro co propósito de elixir tanto os integrantes desta xunta como a que sería o seu primeiro equipo decanal, unha vez completados os diferentes trámites para a creación da nova facultade, na que se imparten o Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, previamente adscritos á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, coa que o novo centro comparte edificio.