Investigador do Observatorio da Gobernanza G3, o profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Óscar Briones desenvolvía nas últimas semanas unha estadía en Angola, que completou cun acordo coa Escola Nacional de Administración e Políticas Públicas do para prestar asesoramento ao Goberno angolano en materia de formación, tanto do seu persoal directivo como do funcionariado en xeral. De feito, Briones atópase actualmente desenvolvendo un estudo xunto a director xeral de Recursos Humanos e o director de investigación desta escola nacional sobre as competencias directivas do persoal das administracións deste país africano.
O obxectivo, apunta Briones, é que este traballo dea como resultado un artigo científico que presente os resultados dunha análise sobre as “competencias directivas” que posúe o persoal da administración angolana, así como “unha recomendación das que deberían desenvolver”. Esta liña de colaboración é un dos resultados da estadía de investigación do profesor do campus pontevedrés no país africano, centrada en dúas liñas de traballo, explica, a relacionada coa “mellora da función pública e as competencias do persoal directivo” e outra que pon o foco nas “políticas públicas medioambientais”.
Estas cuestións foron abordadas nas reunións que Briones mantivo tanto coa presidenta da Escola Nacional de Administración e Políticas Públicas, Sandra dos Reis Alves, como coa secretaria de Estado da Administración Pública, Amélia Varela. Estes encontros permitiron ao docente “detallar en que aspectos e tipos de contidos formativos ou de asesoramento” podería a Facultade de Dirección e Xestión Pública e o Observatorio da Gobernanza, coordinado por Enrique Varela, colaborar coa administración deste país africano. Outra das cuestións abordadas foi a posibilidade de establecer no futuro un convenio de colaboración na Universidade de Vigo, o que, como lembra, suporía un paso máis na estratexia de internacionalización da facultade, tras os convenios de colaboración recentemente asinados con institucións de México e Colombia. Por outra banda, ás xuntanzas sumáronse as conferencias que impartiu a altos cargos da administración angolana, centradas na “reforma do estado, a xestión pública en xeral ou o liderado de equipos de traballo na administración pública”, apunta.
Contribuír á preservación da natureza do país africano
Outros dos obxectivos da súa estadía era estudar coas autoridades do país africano vías de cooperación en proxectos da preservación da natureza, o que levouno a manter tamén unha reunión na Secretaría de Estado de Medio Ambiente sobre cuestións, explica, referidas “á economía verde en xeral, as políticas públicas medio ambientais” e, máis en concreto, “ao mercado de créditos de carbono”, que este docente e investigador busca promover como “fórmula de preservación da natureza”.
Este encontro levounos a pór o foco en cuestións como “a necesidade de implantar unha política sostible e de financiamento verde para o Miombo, unha das maiores forestas de África, e de mellorar a biodiversidade”. A proposta que lles trasladou de Briones susténtase en catro premisas; promover unha “renaturalización do espazo natural degradado para buscar o autoequilibrio natural”, apostar por unha “explotación sostible e segura” a través do “ecoturismo”, promover os créditos de carbono como unha fonte de financiamento destes labores e destinar, como “xa prevé a lexislación angolana”, unha porcentaxe dos fondos obtidos “a iniciativas de axuda social, sanitaria e de desenvolvemento da poboación local na que se sitúan os espazos a protexer”. Nese senso, o investigador recoñece que se trata dunha iniciativa “complexa”, mais subliña que “se o conseguimos, teremos un modelo novidoso de preservación para replicar naqueles países que teñan características similares”. Do mesmo xeito, engade, avanzar neste proceso permitiría tamén coñecer “problemas de implantación e planificación” de cara a iniciativas futuras.
De feito, esta iniciativa ten como punto de partida unha iniciativa que Briones leva a cabo, de xeito persoal, en Galicia, centrada no impulso de “fórmulas novidosas”, como a sinalada compra de créditos de carbono, para “frear o deterioro de determinados espazos naturais sen protección medioambiental”.