Esta semana, os tres campus da Universidade de Vigo acolleron a visita de representantes do Georgean Institute Of Public Affairs (GIPA), da antiga república soviética de Xeorxia, país situado na intersección entre Europa e Asia. A iniciativa tivo lugar ao abeiro do programa de mobilidades Erasmus+ KA107, do que tanto a UVigo como GIPA forman parte, e que ten como obxectivo ofrecer ao persoal e alumnado universitario oportunidades académicas en institucións de educación superior fóra de Europa.
A delegación do Georgean Institute Of Public Affairs estivo formada por Nikoloz Bakradze, responsable do Departamento de Relacións Internacionais, e por Bakur Kvashilava, profesor e responsable do seu School of Law and Politics. Durante a súa estadía reuníronse no campus de Pontevedra con Enrique Varela e Xosé Mao Grao, da Facultade de Dirección e Xestión Pública; no campus de Vigo con responsables da Oficina de Proxectos Internacionais, e no campus de Ourense, onde pecharon a súa visita, con Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense. Ademais, neste último campus o profesor Bakur Kvashilava ofreceu xunto á profesora Mónica López Viso un seminario formativo a alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social.